Nova
A Xunta aposta pola sensibilización e prevención no Día Mundial da Sida a través de puntos de información para a mocidade
O persoal dos centros Quérote + realizaron diferentes accións de concienciación á mocidade sobre o VIH e as Infeccións de Transmisión Sexual (ITS)
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2025
A Xunta aposta pola sensibilización e a prevención con motivo do Día Mundial da Sida, que se celebra cada 1 de decembro. Así, instaláronse mesas informativas en diversas cidades galegas, naqueles espazos máis frecuentados pola mocidade como os campus universitarios ou centros de formación profesional. Trátase de iniciativas fundamentais na promoción da saúde sexual e a eliminación de prexuízos e do estigma asociado ao VIH.
Deste xeito, o persoal dos centros Quérote + estivo durante a mañá de hoxe realizando actividades de sensibilización sobre o VIH e o resto de Infeccións de Transmisión Sexual (ITS). Neste sentido, centráronse nas vías de transmisión, métodos de protección e a evolución dos tratamentos.
Ademais, o persoal dos centros lembrou ás mozas e mozos que nestes recursos públicos se realizan probas de detección totalmente gratuítas e confidenciais, nun espazo totalmente amable e seguro e coa atención profesional para resolver calquera dúbida.