Nova
A Xunta destaca o labor de Alcer na atención integral ás persoas con enfermidade renal e ás súas familias
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou na inauguración das VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia
Bertamiráns (Ames), 30 de novembro de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá nas VII Xornadas de Persoas con Enfermidade Renal de Galicia, organizadas pola Federación Alcer Galicia. No acto, destacou o labor que realiza diariamente Alcer á hora de visibilizar e promover a saúde renal e ofrecer recursos aos pacientes e ás súas familias.
O director xeral lembrou que o Goberno galego traballa da man do tecido asociativo galego para poñer en marcha programas de concienciación, sensibilización e visibilización que axuden a que a sociedade teña máis información sobre estas enfermidades e saiba como previlas. Deste xeito lembrou que a Xunta colabora con esta entidade a través dun convenio de 37.000 euros que lles permite facer o acompañamento de máis de 30 familias con nenos e adolescentes afectados por esta patoloxía.
Na xornada, celebrada na Casa da Cultura de Bertamiráns, agradeceu o seu esforzo e animounos a seguir realizando xornadas coma esta, que serven para poñer en común conductas saudables entre nenos, mozos e maiores. O programa deste encontro incluíu ademais relatorios de profesionais expertos en distintas áreas de coñecemento arredor das enfermidades renais crónicas e como afrontalas, tanto os pacientes como os seus achegados.