Nova
Rueda anuncia o comezo das obras da nova residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega nos terreos da ETEA en Vigo
O presidente da Xunta sinala que “é un auténtico orgullo que Galicia poida contar con centros coma este” e resalta o compromiso do Goberno galego por seguir mellorando a atención ás persoas maiores
A residencia contará con 150 prazas públicas e estará equipada coa tecnoloxía de vangarda máis avanzada no campo dos coidados
O retraso no inicio desta actuación débese aos atrancos postos polo Concello de Vigo para a urbanización da zona
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que van comezar de xeito inmediato —a vindeira semana— as obras da futura residencia pública autonómica de maiores que constrúe a Fundación Amancio Ortega en Vigo, que se emprazará nos terreos da antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA).
Tal e como apuntou Rueda, “agora toca axilizar, pisar o acelerador de todo o proceso para que esa nova residencia poida ser unha realidade canto antes”, facendo fincapé en que o Goberno galego vai seguir traballando “para mellorar a atención dos nosos maiores, decidan vivir nos seus domicilios ou nunha residencia” e “moi comprometidos con Vigo”.
Esta é unha das sete residencias que impulsa a Fundación Amancio Ortega nas sete cidades e que formará parte da rede pública autonómica. Segundo sinalou o presidente autonómico, “é un auténtico orgullo que Galicia poida contar con centros coma este que se vai facer en Vigo e cos outros seis”, apuntando que “son residencias de vangarda coas mellores instalacións, cos mellores servizos, e desde logo van ser un referente na atención aos maiores en toda España”.
A nova infraestrutura situada en Vigo contará con 150 prazas públicas e estará equipada coa tecnoloxía máis avanzada no campo dos coidados. Ademais da zona destinada a uso residencial e a reservada para atención médica, contará con servizos de peiteado, podoloxía, salóns sociais, espazos de convivencia, comedor e cociña, entre outros.
Investimento total de 180 millóns nas sete cidades
A Fundación Amancio Ortega está a investir mais de 180 millóns de euros na construción e equipamento das residencias que constrúe nas sete cidades galegas e que suporán en total a creación de 900 prazas públicas e máis de 800 empregos. Os centros de Santiago, Lugo e Pontevedra xa están en funcionamento, os da Coruña e Ferrol xa están construídos e o de Ourense estará listo cara ao verán do ano que vén. O de Vigo foi o proxecto que máis se tardou en iniciar por mor dos atrancos á urbanización da zona.
De feito, a Xunta segue á espera de asinar un acordo co Concello de Vigo e a Zona Franca que permitiría urbanizar o vial principal que vertebra a ETEA e a Praza de Armas, así como as novas redes de servizos e as súas conexións exteriores. Isto faríase cun investimento de 10,5 millóns de euros, procedente integramente das arcas autonómicas.
Neste sentido, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, enviaron recentemente unha carta ao alcalde de Vigo e ao delegado da Zona Franca, urxindo a asinar o convenio acordado hai máis de seis meses para que as melloras proxectadas no recinto sexan unha realidade antes de que a Fundación Amancio Ortega entregue a futura residencia.