Nova
A Xunta aposta por seguir concienciando sobre a violencia de xénero á mocidade e promovendo o rexeitamento da cidadanía ás condutas machistas
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero pon en valor a importancia de achegar a realidade da violencia contra as mulleres aos estudantes
Neste senso, Roberto Barba salienta a boa acollida do programa pioneiro do Executivo galego O machismo é violencia, que estivo presente en medio cento de institutos
Así mesmo, recalca que a loita contra esta lacra precisa da implicación de todas as Administracións, Institucións e organizacións sociais para achegar á poboación toda a información
A Coruña, 26 novembro de 2025
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, asistiu hoxe a unha das sesións do programa pioneiro impulsado pola Xunta O machismo é violencia no centro integrado de formación profesional Someso. Neste sentido, o Executivo galego resalta a importancia de seguir promovendo actividades de concienciación todos os días do ano entre a mocidade e estendendo o rexeitamento social cara ó machismo.
Neste senso, o programa O machismo é violencia percorreu este ao medio cento de institutos de Galicia. O obxectivo da iniciativa é sensibilizar e previr a violencia de xénero mediante a reflexión e a participación activa das mozas e mozos. Para iso, achégase ao alumnado a realidade da violencia contra as mulleres a través do testemuño dunha vítima e que é fundamental para sensibilizar desde idades moi temperás á mocidade, intervindo de forma activa para poder combater a violencia de xénero.
A Xunta defende que esta iniciativa busca a participación activa da mocidade, a súa implicación para combater esta lacra. Por iso, o Executivo galego insta aos mozos e mozas a non normalizar a violencia de xénero en ningunha das súas formas, a manter os ollos abertos e a estar unidos para poder detectar, previr e erradicar calquera manifestación do machismo. Ademais, para que o profesorado poida abordar o tema de maneira autónoma nas aulas, elaborouse unha guía pedagóxica e interactiva que inclúe actividades e contidos adaptados para facilitar a implicación do alumnado.
Xornada Xuntos contra a violencia de xénero
Pola tarde, o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou na xornada da Asociación veciñal, cultural e deportiva de Lavadores para abordar a loita contra as violencias machistas desde o punto de vista do asociacionismo local. Neste sentido, recalcou que a loita contra esta lacra precisa da implicación de todas as Administracións e organizacións, así como o tecido social para chegar a toda a poboación e convertelos en axentes activos na concienciación, prevención e sensibilización.