Nova
Manuel Pardo subliña os máis dun millón de euros que a Xunta destina aos 17 CIM da provincia de Ourense a prol das vítimas de violencia de xénero
O delegado territorial destacou que este centro, que ten unha área de influencia nos concellos de Amoeiro, Coles, A Peroxa e Vilamarín, recibiu unha achega da Consellería de Política Social e Igualdade de preto de 52.000 euros para levar a cabo os programas que garantiran ás mulleres axuda xurídica, psicolóxica ou de calquera outro tipo
Manuel Pardo salientou que a última liña de apoio á rede de 84 CIM de Galicia deste ano, contou con 5 millóns de euros para financiar gastos de persoal, cun incremento do 13,6 % con respecto ao 2024
O representante do Goberno galego destacou que a resposta á violencia de xénero debe xirar en torno a tres eixos principais “a tolerancia cero, a resposta conxunta das administracións e da sociedade e a atención especializada ás vítimas”
Ourense, 25 de novembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, coincidindo coas datas da celebración do Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Luís Menor, o CIM Padre Feijóo, no concello de Pereiro de Aguiar; un dos 17 centros beneficiados da última convocatoria de axudas para a promoción da igualdade, nos que a Xunta destinou máis dun millón de euros, o que pon de manifesto o sólido compromiso do Goberno galego en loitar contra a violencia de xénero e que fan de Galicia unha comunidade de referencia neste ámbito.
Durante a súa visita, delegado territorial explicou que este centro, que ten unha área de influencia nos concellos de Esgos, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, A Teixeira e Pereiro de Aguiar, recibiu unha achega da Consellería de Política Social e Igualdade de máis de 66.000 euros para levar a cabo os programas que garantiran ás mulleres axuda xurídica, psicolóxica ou de calquera outro tipo.
O representante do Goberno galego lembrou que a última liña de apoio á rede de 84 CIM de Galicia deste ano, contou con 5 millóns de euros para financiar gastos de persoal, cun incremento do 13,6 % con respecto ao 2024. Con isto, apoiouse este servizo de atención integral información e asesoramento ás mulleres e ás persoas LGBTI na que traballan máis de 200 profesionais. Unha das novidades deste ano é que se aumentou a contía máxima de axuda que pode recibir os concellos cando a solicitude é individual, pasando dos 45.000 euros a 52.000 euros deste ano. No caso dos concellos de xestión compartida, a axuda máxima é de 120.000 euros.
Manuel Pardo reiterou que a resposta á violencia de xénero debe xirar en torno a tres eixos principais “a tolerancia cero, a resposta conxunta das administracións e da sociedade e a atención especializada ás vítimas”. E reiterou que a Xunta continuará apostando pola sensibilización da sociedade galega e poñendo o foco nos máis novos. Un exemplo, a primeira Lei de violencia dixital de España na que está a traballar a Consellería de Política Social e Igualdade, que terá como finalidade establecer medidas de sensibilización, prevención e detección do acoso no eido dixital, prestando especial atención ás mulleres, aínda que tamén a outros colectivos vulnerables.
Concurso de debuxos 25-N
Trala entrega de Diplomas aos gañadores do ‘Concurso de debuxos 25-N’ no que participaron os centros escolares nas categorías de 1º a 6º de primaria (Colexio Ben Cho Shey, Colexio Miraflores e Colexio Guillelme Brown) e 1º a 4º secundaria (Colexio Miraflores), o delegado territorial manifestou que a violencia de xénero constitúe unha das violacións de dereitos humanos máis persistentes e devastadoras do noso tempo.
“Afecta a mulleres e nenas polo simple feito de selo, -afirmou Manuel Pardo- vulnerando a súa liberdade, integridade e dignidade. É un problema estrutural que se manifesta en todas as sociedades e en todos os ámbitos da vida. Impregnando todas as esferas da nosa sociedade”.
Por iso, “desde a Xunta de Galicia reafirmamos un ano máis o noso compromiso firme e sostido para previr, detectar e erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres, impulsando políticas transversais que alcancen os ámbitos onde as persoas conviven, comparten, aprenden, traballan e se desenvolven”; sentenciou.