Nova

A Xunta abre as inscricións para participar na XII Andaina contra a violencia de xénero ‘Camiño ao Respecto’ que se celebrará o vindeiro sábado en Santiago

As persoas interesadas poderán sumarse á iniciativa cubrindo o formulario habilitado na páxina web do evento


Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025

A Xunta de Galicia abre hoxe as inscricións para que todas as persoas interesadas en participar na tradicional andaina Camiño ao Respecto se sumen a esta iniciativa solidaria. Este evento que busca reivindicar a importancia da loita contra a violencia de xénero terá lugar o vindeiro sábado, 29 de novembro, en Santiago de Compostela.

Todas as persoas que desexen participar poderán atopar toda a información na páxina web do evento e cubrir desde hoxe o formulario habilitado. Unha vez completada a inscrición, recibirase no correo electrónico o dorsal personalizado. Ademais, quen non poida asistir presencialmente e queira sumarse á andaina, poderán facelo de xeito virtual subindo unha foto ás súas redes sociais co seu dorsal e a seguinte etiqueta: #CAMIÑOAORESPECTO.

A XII andaina Camiño ao Respecto percorrerá unha vez máis as rúas de Santiago de Compostela desde o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro. O punto de encontro dos participantes será na explanada fronte á entrada do albergue do Monte do Gozo ás 11,00 horas do sábado.

Programa de actividades polo 25N

A Xunta promove máis de 400 accións de formación, sensibilización e prevención contra a violencia de xénero con motivo do 25N. Están dirixidas a todas as franxas de idade, con especial énfase na mocidade e nos centros educativos, para previr actitudes machistas e fomentar valores como a igualdade entre mulleres e homes e o bo trato.