Nova

A Xunta colabora con Fademur para impulsar accións de prevención, sensibilización e loita contra a violencia de xénero no rural

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero destacou que as xornadas Aliadas Sororas fomentan o diálogo aberto para seguir mellorando as políticas públicas nesta materia


Castro de Rei (Lugo), 24 de novembro de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou esta tarde mas xornadas Aliadas Sororas que organiza a Federación de Mulleres Rurais (Fademur) grazas á colaboración da Xunta. O obxectivo é impulsar accións de prevención, sensibilización e detección das violencias machistas nas zonas rurais.

Deste xeito, Barba sinalou que a través dun convenio de colaboración con esta entidade, que ascende a 20.000 euros, búscase crear espazos de diálogo entre o tecido asociativo, as institucións e a veciñanza para seguir mellorando as políticas públicas na loita contra a violencia de xénero e achegar toda a información necesaria á cidadanía. Neste senso, o director xeral destacou que a sensibilización é a mellor maneira de previr calquera situación de violencia contra as mulleres.

Ademais, explicou todos os recursos que a Xunta pon a disposición das vítimas e que van desde as prestacións económicas para garantir a súa independencia e autonomía ata servizos habitacionais e recursos de protección e atención como o servizo de atención psicolóxica e xurídica totalmente gratuítos.