Nova
A Xunta habilita un stand informativo que percorrerá distintos puntos de Galicia para sensibilizar á sociedade ante a violencia de xénero
Esta actividade inclúese no programa especial elaborado polo Executivo autonómico con motivo do 25N e ten como obxectivo sumar esforzos na eliminación da violencia sobre as mulleres e informar á cidadanía
O Goberno lanza a campaña ‘Cando cres que non vai contigo, o machismo gaña’, unha proposta que apela directamente á reflexión persoal e que sinala que a loita contra a violencia de xénero é unha cuestión colectiva, non individual
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025
Con motivo da conmemoración do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Xunta levará por diferentes puntos de Galicia un stand informativo para sensibilizar á cidadanía entorno á violencia machista e informar sobre as distintas formas nas que se manifesta. A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitou hoxe a primeira parada deste punto, que estivo situado hoxe na Coruña.
Durante os vindeiros días, o espazo divulgativo percorrerá a comunidade galega. Desde xeito, tras a súa primeira parada esta tarde na Coruña, na zona do Parrote, viaxará o sábado 22 de novembro ata Vigo, onde estará aberto ao público entre as 10:00 e as 14:00 horas. Mentres que, na tarde do sábado o stand quedará situado na Praza de Armas de Ferrol, onde ofrecerá información á cidadanía ata as 20:00 horas.
Na xornada do domingo 23 de novembro, o punto informativo comezará o seu percorrido na Praza da Peregrina de Pontevedra (de 10:00 a 14:00 horas), mentres que pola tarde estará emprazado na Praza Maior de Lugo. Finalmente, o punto informativo rematará a súa actividade divulgativo o vindeiro sábado, 29 de novembro, na Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela.
Esta é unha das accións enmarcadas na programación que leva a cabo a Xunta de Galicia con motivo do 25N, e que inclúe máis de 400 actividades ata decembro para abordar a loita e prevención da violencia de xénero en todos os ámbitos da sociedade.
Tamén nesta xornada, o Goberno galego lanzou a súa campaña institucional, que leva por lema Cando cres que non vai contigo, o machismo gaña. Unha proposta que apela directamente á reflexión persoal e que sinala que a loita contra a violencia de xénero é unha cuestión colectiva, non individual.