Nova
A Xunta pon en valor a concienciación e sensibilización que demostra a mocidade galega na loita contra a violencia de xénero
Fabiola García felicitou ás mozas e mozos premiados pola calidade das propostas presentadas, que “inciden en que a violencia machista non é unha cuestión privada, senón que afecta a toda a sociedade”
Destaca que as mensaxes propostas van na liña da campaña deseñada pola Xunta para o 25N, que leva por lema Cando cres que non vai contigo, o machismo gaña
Este ano resultaron galardoadas neste certame alumnas e alumnos dos concellos de Dodro, Vigo, Soutomaior, Allariz, Santa Comba, Pontevedra, Lugo e de dous centros de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, fixo entrega esta mañá dos premios aos oito centros educativos galegos que resultaron gañadores nas distintas categorías do concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais convocado pola Xunta con motivo do 25N. Concretamente, nesta edición foron premiadas alumnas e alumnos dos concellos de Dodro, Vigo, Soutomaior, Allariz, Santa Comba, Pontevedra, Lugo e de dous centros de Santiago de Compostela.
Durante o acto, Fabiola García felicitou ao alumnado destes centros pola calidade das propostas presentadas e polas mensaxes lanzadas a través dos vídeos e carteis, que inciden, destacou, “en que a violencia de xénero non é asunto privado, xa que é asunto de todas e de todos”. A conselleira destacou que as propostas demostran “a gran conciencia e sensibilización” que teñen os mozos e mozas galegas ante a violencia de xénero e a implicación dos mestres e titores.
Na súa intervención, a conselleira asegurou que as mensaxes presentadas polos rapaces van na liña da campaña deseñada pola Xunta con motivo do 25N, que leva por lema Cando cres que non vai contigo, o machismo gaña. Unha proposta que apela directamente á reflexión persoal e que sinala que a loita contra a violencia de xénero “é unha cuestión colectiva, non individual”.
Por último, Fabiola García fixo fincapé na importancia de loitar contra a violencia derivada do uso das novas tecnoloxías. Neste sentido, lembrou que a Xunta está ultimando a que será a primeira Lei de Acoso e Violencia Dixital de Galicia, que terá como obxectivo frear este tipo de violencia. Ao acto tamén asistiron o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez
Os traballos premiados
No certame deste ano 2025 resultou gañador na 1ª categoría de imaxe gráfica un grupo de alumnos e alumnas de 6º de Primaria do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, no concello de Dodro, polo seu traballo Se practicas educa-mocions, cero agresións. Mentres, o segundo premio recaeu nun grupo de alumnos e alumnas do centro de educación especial Saladino Cortizo, de Vigo, pola súa proposta Xa somos libres.
Na 2ª categoría de cartel, o primeiro premio recaeu nunha obra presentada polo IES de Soutomaior, feita por alumnado de 2º de Bacharelato e que leva por título Abre os ollos ante a violencia de xénero. Por outra banda, o segundo premio foi para un grupo de estudantes do IES de Sar, en Santiago de Compostela, que presentaron a peza Amor sen golpes, sen dramas. Por último, nesta categoría outorgáronse dous accésit. O primeiro foi para o cartel Se a lastimas, non a queres, feita por un alumno de 3º da ESO do IES de Allariz. O segundo accésit recaeu nunha alumna de 2º de Bacharelato do IES Terra de Xallas, en Santa Comba, que deseñou a peza Diante do espello tamén loitamos.
Na primeira categoría da modalidade audiovisual, recibiu o primeiro premio unha obra presentada por un grupo de alumnos de 6º de Primaria do CEIP Manuel Villar Paramás, de San Xurxo de Vea, en Pontevedra, que leva por nome Con este corazón. Mentres, o segundo premio foi para Solución? Pasamos á acción, dun grupo de alumnos e alumnas da ESO do centro de educación especial Manuel López Navalón, de Santiago de Compostela.
En canto á segunda categoría da modalidade audiovisual, o premio foi para a peza O amor non é maxia, deseñada por alumnos de 3º da ESO do IES Ánxel Fole, de Lugo.
Os galardoados, ben a título individual ou colectivo, recibiron cheques regalo para investir no comercio local, e os centros representados, lotes de libros. O xurado, que estivo composto por representantes da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista, tivo en conta na súa valoración a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia de xénero e a adecuación aos obxectivos que se promoven de prevención, detección e intervención. Tamén atendeu á calidade técnica, orixinalidade e creatividade das iniciativas e mesmo á participación activa do alumnado.