Nova

Aneiros presenta xunto ao Baxi Ferrol o partido adicado a visibilizar a loita contra a violencia de xénero que o enfrontará ao IDK Euskotren na Malata

A delegada territorial da Xunta en Ferrol deu conta desta iniciativa incluída na Campaña de Promoción e Sensibilización do Deporte Feminino Galego 2025 que promove a Secretaría Xera para o Deporte en colaboración cos clubs femininos de alta competición, coincidindo coa conmemoración do 25-N


Ferrol, 21 de novembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentou esta mañá xunto ao Baxi Ferrol, o partido que o enfrontará o próximo domingo ao IDK Euskotren e que está incluído dentro da Campaña de Promoción e Sensibilización do Deporte Feminino Galego 2025 que ten en marcha a Xunta, en colaboración cos clubs femininos de alta competición para loitar contra a violencia de xénero.

A cita, que se disputará este domingo 23 de novembro ás 18,00 horas no pavillón da Malata, está incluída nesta iniciativa que a Secretaría Xeral para o Deporte promove cada ano coincidindo coa conmemoración do 25-N, Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A delegada territorial destacou o dobre obxectivo da iniciativa: “visibilizar, apoiar e reforzar o papel das mulleres no deporte, sen obviar a súa finalidade social de contribuír, desde o ámbito deportivo, á loita contra a violencia de xénero” e agradeceu ao Baxi o seu compromiso activo coa competición, a promoción da igualdade e a formación de referentes positivos para as nenas e mozas da nosa comarca.

A campaña, que se desenvolve mediante contratos de patrocinio, conta cun orzamento de 250.000 euros e a participación de 23 clubs galegos, entre os que se inclúe o Baxi Ferrol.