Nova

A Xunta avalía o avance das obras de ampliación da residencia de maiores de Crecente

O Executivo galego inviste 500.000 euros nesta actuacións que suporán a creación de 18 novas prazas, coas que o centro aumentará a súa capacidade ata as 56

Esta actuación enmárcase no Plan de Investimentos de 18,5 millóns de euros co que o Goberno galego financia unha vintena de proxectos de construción e reforma de instalacións municipais


Crecente (Pontevedra), 21 de novembro de 2025

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a residencia municipal para persoas maiores San Pedro en Crecente, na que a Xunta inviste 500.000 euros e que permitirán a creación de 18 novas prazas, coas que o centro aumentará a súa capacidade ata as 56.

Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde, Julio César García-Luengo, explicou que estes traballos se desenvolven no marco do Plan de Investimentos de 18,5 millóns de euros co que o Goberno galego financia unha vintena de proxectos de construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais que dependen dos concellos. Un plan acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e dotado con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU).

Neste senso, lembrou que o Consello da Xunta aprobou no mes de outubro unha prórroga dos convenios de colaboración cos concellos no marco do Plan de Investimentos ata xuño de 2026 co obxectivo de facilitar ás Administracións locais a finalización destes proxectos.

Ademais, o xerente do Consorcio destacou o compromiso do Executivo autonómico cun modelo de atención e coidados baseado na calidade e na proximidade. Neste sentido, indicou que o Plan de Investimentos está destinado a concellos rurais de menor poboación e que permitirá reforzar a rede local de recursos para as persoas maiores.