Nova

O Ensino adica o partido do domingo fronte ao Hozono Global Jairis á campaña da Xunta contra a violencia de xénero

O delegado territorial en Lugo participou na presentación do encontro e lembrou que o Goberno galego colabora con catro clubs femininos lucenses de alta competición para reivindicar o papel das mulleres no deporte e na sociedade


Lugo, 20 de novembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta mañá na presentación do partido que o Durán Maquinaria Ensino disputará o vindeiro domingo fronte ao Hozono Global Jairis no marco da Campaña de Promoción e Sensibilización do Deporte Feminino Galego 2025, que ten que incluír un encontro dedicado a rexeitar a violencia de xénero en datas próximas á conmemoración do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Na presentación estiveron tamén o adestrador do Ensino, Suso Garrido, e a escolta Alicia Flórez, que este mes foi convocada por primeira vez coa Selección española absoluta.

O partido celebrarase o domingo 23 de novembro ás 12,30 horas no Pazo dos Deportes de Lugo e forma parte do programa impulsado pola Xunta para fomentar a igualdade e apoiar o deporte feminino de alta competición. A través desta iniciativa, a Secretaría Xeral para o Deporte desenvolve accións de patrocinio e colaboración cos principais clubs galegos de competición estatal, entre eles o Durán Maquinaria Ensino, que actúan como referentes da participación feminina e como altofalantes dos valores de igualdade, tolerancia e respecto no deporte.

A campaña conta cun orzamento de 250.000 euros para apoiar a 23 clubs deportivos, catro deles da provincia de Lugo: o Ensino, o Emevé, o Burela FS e o FSF Castro. O programa supón a formalización de contratos de colaboración cos equipos participantes e inclúe accións concretas de difusión e sensibilización orientadas a promover a igualdade real no deporte.

O delegado territorial destacou que “as mulleres teñen cada vez un maior protagonismo no deporte galego, e desde a Xunta queremos seguir apoiando o seu esforzo e darlle visibilidade á súa contribución, non só no ámbito deportivo senón tamén no social”.

Lembrou que dentro da mesma campaña esta fin de semana celebrarase tamén o partido entre o club voleibol Emevé e o Sayre de Illas de Canarias. Será o sábado ás 17,00 horas no pavillón municipal.

Arias animou á cidadanía a acompañar aos equipos lucenses nestes encontros, “que, máis alá dunha cita deportiva, convértense nun símbolo do compromiso de Galicia coa igualdade e coa loita contra a violencia machista”.