Nova
A Xunta destinará máis financiamento aos servizos de atención diúrna e ocupacional de Ámbar
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe as instalacións da entidade en Ribeira
Ribeira (A Coruña), 20 de novembro de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, sinalou que todas as entidades sociais con prazas concertadas, como é o caso da Asociación Ámbar, van a dispoñer nas vindeiras semanas de máis financiamento para seguir garantindo a calidade dos servizos que prestan e as condicións do seu persoal. Díxoo durante unha visita ao centro de recursos de Ámbar, onde se prestan servizos de atención diúrna e ocupacional.
Begoña Abeijón explicou que se investirán máis de sete millóns de euros anuais en subir a achega do Goberno galego ás prazas públicas que ofertan as entidades nos seus centros e que no caso de Ámbar son un total de 69 de centro de día e ocupacional. Esta subida, que asume en solitario a Xunta, permitiralles ás entidades sociais da discapacidade facer fronte aos incrementos salariais recollidos no XVI convenio colectivo publicado este ano no Boletín Oficial do Estado.
Por outra banda, a directora xeral destacou o compromiso coa plena integración das persoas con discapacidade na comunidade, así como a profesionalidade e o cariño con que o persoal de Ámbar coida ás persoas que acoden diariamente ás súas instalacións. Unha atención que fai de Ámbar un referente para moitas familias do Barbanza.