Nova
A Xunta pon en valor o proxecto ‘Tu historia de verdad importa’ que fomenta o intercambio de experiencias e a conexión interxeracional
A través desta iniciativa, un grupo de voluntarios recolle as vivencias persoais de preto dunha vintena de maiores de diferentes residencia para a elaboración dun libro autobiográfico
A Coruña, 19 de novembro de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá na entrega de libros da sexta edición do proxecto ‘Tu historia de verdad importa’, no que un grupo de 17 maiores de diferentes residencias recibiron un exemplar no que se recolle a súa historia persoal e que é un exemplo máis da importancia do intercambio de experiencias e a conexión interxeracional.
Este proxecto nace das fundacións María José Jove, Lo que de verdad importa e San Rafael; e conta coa colaboración da Xunta de Galicia. Para a elaboración deste libro, unha ducia de voluntarios e pasaron varios meses acompañando día a día aos residentes de Torrente Ballester, Sanitas e DomusVi Matogrande, na Coruña; Virxe de Guadalupe en Vigo e o Centro Aprehendo en Gondomar. A raíz desta convivencia puideron redactar nestes libros as historias persoais que teñen como protagonistas a estes maiores.
O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor a vida das persoas maiores e dar visibilidade ás súas historias, que supoñen un exemplo de superación, resiliencia e esperanza. Neste senso, Antón Acevedo fixo fincapé na conexión interxeracional que supoñen este tipo de proxectos que, segundo destacou, fomentan o diálogo e a aprendizaxe entre os maiores e os máis novos.