Nova

A Xunta apoia o programa de Provivienda para mellorar o benestar de mulleres con problemas de saúde mental

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, coñeceu hoxe de primeira man esta iniciativa dirixida a persoas en situación de vulnerabilidade residencial


Vigo, 19 de novembro de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou hoxe a importancia de traballar a autoestima e a xestión das emocións para ter unha mellor calidade de vida. Díxoo durante a visita ao programa Saudade: acompañamento psicolóxico a través da vivenda, que desenvolve a entidade Provivienda co apoio da Xunta de Galicia.

A directora xeral tivo a ocasión de falar cun grupo de participantes neste programa, que semanalmente se reúnen na sede de Provivienda. O obxectivo desta iniciativa é mellorar o benestar psicosocial de persoas en situación de vulnerabilidade residencial ou con dificultades de saúde mental, ademais de promover a sensibilización e a saúde mental a nivel comunitario.

A Xunta colabora con este programa a través das axudas do 0,7% do IRPF. Neste sentido, Begoña Abeijón lembrou que a Consellería de Política Social e Igualdade destinou máis de 500.000 euros a Provivienda na última convocatoria para programas destinados a facilitar o acceso á vivenda para persoas en risco de exclusión social.