Nova
A Xunta reforza a rede de servizos de proximidade para que as persoas maiores poidan seguir vivindo na súa contorna habitual
Destaca o impulso de recursos pioneiros no rural, como as casas do maior que a finais deste ano sumarán 160
Cortegada (Ourense), 18 de novembro de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou a aposta da Xunta de Galicia por seguir ampliando a rede local de recursos de proximidade para que as persoas maiores que o desexen poidan continuar vivindo na súa contorna habitual. Díxoo durante unha visita á vivenda comunitaria O Albergue, que ten 12 prazas residenciais, e onde salientou o papel que teñen este tipo de centros na atención dos maiores en Galicia.
Antón Acevedo indicou que o Executivo autonómico leva anos achegando servizos ao rural. Como exemplo puxo as casas do maior, que coa última convocatoria chegarán este mesmo ano ás 160 e sumarán 800 prazas. Ao respecto, apuntou que se continuará impulsando este recurso pioneiro xa plenamente consolidado na nosa comunidade e nos cales os maiores reciben coidados sociosanitarios de maneira gratuíta.
O director xeral referiuse a outros programas dirixidos a aquelas persoas que queren envellecer na súa contorna, como o Bono Coidado no Fogar ou o Xantar na Casa. Tamén destacou as propostas de envellecemento activo e saudable que oferta a Xunta da man dos Concellos e entidades.