Nova
Belén do Campo e o Club Voleibol Instituto Zalaeta presentan o partido deste sábado no que se visibilizará o compromiso da Xunta coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero
A delegada da Xunta salientou, durante a presentación, que o obxectivo da campaña do Goberno autonómico é reforzar a visibilidade da marca “Deporte Galego”, asociada aos valores de igualdade, esforzo e superación que caracterizan ás deportistas da comunidade
A Coruña, 12 de novembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou hoxe na presentación do partido que o equipo feminino do Club Voleibol Instituto Zalaeta disputará, o vindeiro 22 de novembro, fronte ao UCAM Torrejón. A cita enmárcase na Campaña de Promoción e Sensibilización do Deporte Feminino Galego 2025, que inclúe a celebración dun encontro dedicado a visibilizar o rexeitamento da violencia de xénero no ámbito deportivo, coincidindo co 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
O partido forma parte do programa impulsado pola Xunta de Galicia para promover a igualdade e apoiar o deporte feminino de alta competición. A través desta iniciativa, a Secretaría Xeral para o Deporte desenvolve accións de patrocinio e colaboración cos principais clubs galegos que compiten a nivel estatal, entre eles o Club Voleibol Instituto Zalaeta, que actúa como referente da participación feminina e como altavoz dos valores de igualdade, tolerancia e respecto no deporte.
Esta campaña conta cun investimento de 250.000 euros destinado a apoiar 23 clubs deportivos, dos cales oito pertencen á provincia da Coruña e suman máis de 83.000 euros en axudas. Na cidade da Coruña participan nesta campaña 4 clubs, que recibiron máis de 40.000 euros, concretamente, o Real Club Deportivo da Coruña feminino e o CRAT Arquitectura que xa celebraron os seus partidos o pasado fin de semana. O equipo feminino Club Voleibol Instituto Zalaeta que o fará este sábado, ás 17.30 horas, no complexo deportivo do Barrio das Flores e o Hockey Club Feminino da Coruña que tamén celebrará a súa competición este sábado, ás 17.00 horas, fronte ao CH Cerdayola no Palacio de Deportes da Cidade Deportiva de Riazor.
O obxectivo é reforzar a visibilidade da marca “Deporte Galego”, asociada aos valores de igualdade, esforzo e superación que caracterizan ás deportistas da comunidade.
Durante a presentación, Belén do Campo subliñou que “o deporte galego é hoxe un ámbito no que a igualdade avanza con paso firme e no que as mulleres gañan, ano tras ano, máis presenza e protagonismo, converténdose nun referente para as xeracións máis novas. Desde a Xunta queremos continuar respaldando o seu traballo e dando visibilidade ao seu papel, tanto no eido deportivo como no social”.
Belén do Campo tamén puxo en valor a evolución do deporte feminino en Galicia: “en 2009 as mulleres representaban só o 19% das licenzas deportivas (42.480 de 224.501), mentres que en 2023 acadaron as 77.660, un 26,4% do total. Tamén medrou de forma notable o número de deportistas de alto nivel, pasando de 95 en 2011 a 491 mulleres recoñecidas na última resolución de 2024. Estes datos evidencian un crecemento continuo e consolidado da participación feminina no noso deporte”. A Xunta, afirmou, seguirá apoiando esta tendencia con políticas activas de impulso, visibilidade e igualdade.
Aínda así, a delegada advertiu que “persisten diferenzas entre o deporte feminino e masculino, tanto en visibilidade mediática como en igualdade laboral e salarial, e por iso é fundamental continuar traballando de maneira conxunta para superalas”.
O encontro do Club Voleibol Instituto Zalaeta será, deste xeito, moito máis ca unha cita deportiva: converterase nun símbolo do compromiso de Galicia coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero, un espazo para reivindicar o papel das mulleres no deporte e na sociedade.