Nova
O delegado territorial visita o Centro Sociocomunitario da Estrada polo seu 40º aniversario
Reguera lembrou que o prazo para inscribirse no programa ‘Xuntos polo Nadal’ remata o 26 de novembro
O delegado destacou a importancia de organizar iniciativas que loiten contra a soidade non desexada
A Estrada (Pontevedra), 17 de novembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións do Centro Sociocomunitario da Estrada, que este ano celebra o seu 40 aniversario.
O delegado territorial aproveitou para coñecer as instalacións e o funcionamento da residencia de maiores que comparte edificio, na que residen 37 persoas.
Reguera lembrou durante a súa visita que o prazo para inscribirse no programa Xuntos polo Nadal da Xunta está aberto ata o próximo día 26 de novembro. O programa está dirixido ás persoas de 60 anos ou máis que estean soas e desexen pasar estas datas acompañadas. Ofértanse un total de 270 prazas nas Residencias de Tempo Libre do Carballiño (130 prazas) –para os solicitantes das provincias de Pontevedra e Lugo– e de Panxón, en Nigrán (140) –para os participantes procedentes das provincias da Coruña e Ourense–.
Este programa levarase a cabo entre o día 23 de decembro de 2025 e o día 7 de xaneiro de 2026, en tres quendas diferentes, das que só se poderá elixir unha: do 23 de decembro ao 7 de xaneiro (16 días), do 23 ao 30 de decembro (8 días) ou do 31 de decembro ao 7 de xaneiro (8 días). Inclúese aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, desprazamento en autobús ata as residencias e viaxe de regreso, e actividades de animación sociocultural.
Os requisitos son ter 60 anos, estar empadroado en Galicia, vivir só no domicilio e non ter con quen pasar as datas do Nadal, así como valerse por si mesmo, entre outros. Para a selección das persoas participantes daráselle preferencia a aquelas que perderan o seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos dous anos, ás que teñan máis idade e ás que non participaran nas edicións anteriores.
O delegado territorial rematou a visita destacando a importancia deste tipo de iniciativas que “permiten loitar contra a soidade non desexada e lembrando aos nosos maiores o importante papel que seguen desempeñando na sociedade”.