Nova

Manuel Pardo enxalza a estratexia pioneira da Xunta para loitar contra o idadismo

O delegado territorial destacou que o impulso da nova Estratexia Galega contra o Idadismo 2025-2031, é unha mostra do compromiso inquebrantable do executivo autonómico de seguir avanzando cara unha sociedade máis xusta e humana, a través da erradicación os estereotipos e da discriminación contra as persoas maiores

Manuel Pardo explicou que esta iniciativa articula as súas accións en tres grandes liñas: intervencións interxeracionais, actividades educativas e acción política e lexislativa

O representante do Goberno galego lembrou que Galicia converteuse no ano 2022 na primeira Comunidade de toda España en ter unha Cátedra de Idadismo, concibida para transformar a maneira de pensar, de sentir e de actuar ante o envellecemento


Ourense, 17 de novembro de 2025

“A elaboración da Xunta da primeira Estratexia Galega contra o Idadismo, é unha mostra do compromiso inquebrantable do executivo autonómico de seguir avanzando cara unha sociedade máis xusta e humana, a través da erradicación os estereotipos e da discriminación contra as persoas maiores”. Así o manifestou o delegado territorial na mesa de traballo Estratexia galega fronte ao Idadismo organizada pola Asociación Mirada Maiores +60, na que participou esta mañá no Liceo da cidade de Ourense.

No acto, destacou o labor desta entidade que, encabezada pola súa presidenta Mª Antonia Rilo, ten como obxectivo acadar o benestar das persoas maiores de 60 anos e visibilizar a realidade do colectivo ao que representan, defender os seus intereses e combater determinados estigmas sociais como o que representa o idadismo.

Durante a súa intervención, Manuel Pardo explicou que mediante esta estratexia, pioneira en Europa, actuarase contra o idadismo desde distintos ámbitos. Un deles é o político e o lexislativo, co impulso de normativas que impidan este fenómeno; outro é o educativo, para corrixir conceptos ou estereotipos sobre os distintos grupos de idade; e un terceiro eixo de intervención céntrase no campo social, a través da promoción de máis encontros interxeracionais que faciliten a interacción entre persoas de distinta idade.

Nesta liña, tamén detallou que con esta iniciativa , que conta cun horizonte temporal ata o ano 2031, o Goberno galego ten previsto destinar 520.000 euros de fondos propios para poñer en marcha as tres primeiras actuacións concretas, que consistirán en dar visibilidade e desafiar os estereotipos sobre as persoas maiores mediante campañas de comunicación e encontros xeracionais; dar formación e sensibilización no sistema educativo, cun programa piloto dirixido aos mestres de Infantil, Primaria e Secundaria; e crear un Comisionado Autonómico contra o Idadismo, que revisará as políticas públicas e a lexislación para detectar eivas e propor solucións.

O representante do Goberno galego lembrou que Galicia converteuse no ano 2022 na primeira Comunidade de toda España en ter unha Cátedra de Idadismo, concibida para transformar a maneira de pensar, de sentir e de actuar ante o envellecemento. Neste senso, reiterou que trátase da primeira estratexia contra o problema do idadismo, que desde 2021 está tratado pola OMS cunha base científica para afrontalo.

Por último, puxo en valor que nos últimos anos a Xunta está a impulsar nos últimos anos máis programas e servizos que responden ás novas necesidades das persoas maiores. Este é o caso das accións de voluntariado interxeracional, das aulas sénior e dos convenios de colaboración coas tres universidades públicas galegas ou das iniciativas de ocio activo para o desfrute do tempo libre como a proposta Benestar en balnearios.