Nova

A Xunta felicita aos 300 deportistas que participaron nos Xogos Nacionais de Fútbol Sala de Special Olympics

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou a colaboración entre o Goberno galego e a entidade para seguir promocionando o deporte adaptado


Ourense, 16 de novembro de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou esta tarde na clausura dos Xogos Nacionais de Fútbol Sala de Special Olympics que se celebraron desde o día 13 ata hoxe no Pazo dos Deportes Paco Paz, en Ourense. Alí, trasladou os parabéns de todo o Executivo galego aos máis de 300 participantes de 17 entidades de todo o país polo seu esforzo e entrega.

Begoña Abeijón lembrou o compromiso da Xunta coa plena integración das persoas con discapacidade e que se consegue a través de iniciativas coma esta que promoven o deporte adaptado, o traballo en equipo, e a capacidade de superación. Así, agradeceu o papel das entidades sociais que a través da colaboración do Goberno galego achegan a toda a poboación ente tipo de programas esenciais que constrúen a través da inclusión a Galicia Calidade que nos define.

Deste xeito, a directora xeral lembrou que  a Xunta colabora estreitamente con esta entidade a través de diferentes convenios de colaboración de máis de 300.000 euros, así como diferentes achegas para programas con cargo ao 0,7% do IRPF.