Nova

Fabiola García destaca que Galicia leva tres décadas sendo referente en políticas de igualdade e na defensa dos dereitos das mulleres

A conselleira felicita ás deputadas que formaron parte da delegación que asistiu á IV Conferencia Mundial sobre a Muller de Nacións Unidas  en 1995 e asegura que “trinta anos despois, a nosa comunidade leva e seguirá levando a igualdade como bandeira”


Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe que “Galicia leva tres décadas sendo referente en políticas de igualdade de xénero e na defensa dos dereitos das mulleres”. Así o puxo en valor durante o acto de conmemoración do trixésimo aniversario da Declaración de Beijing, a conferencia mundial das mulleres celebrada en 1995 e na que participou activamente unha delegación de deputadas do Parlamento de Galicia, levando as propostas da comunidade galega.

Na súa intervención, Fabiola García felicitou ás deputadas que formaron parte daquela delegación que asistiu á IV Conferencia Mundial sobre a Muller de Nacións Unidas e lembrou que “trinta anos despois, Galicia leva e seguirá levando a igualdade como bandeira”, algo que se reflicte, engadiu, “en políticas serias, con orzamentos concretos, medidas específicas e visión de futuro”.

Tras a lectura dun manifesto consensuado por todas as forzas parlamentarias e que foi lido polo Presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a conselleira de Política Social e Igualdade fixo fincapé na importancia de que Galicia “estivese presente nun dos momentos máis importantes da política internacional no século XX”, destacando, ademais, o papel xogado por unha Cámara “que foi pioneira en todos os sentidos”. Deste xeito, lembrou que o Parlamento galego foi o único de España que enviou unha delegación á conferencia celebrada en China e o único que dispoñía naquel momento dunha comisión específica de igualdade.

Por último, Fabiola García puxo en valor a aposta da Xunta polo impulso de medidas de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero, polo deseño de políticas de impulso da conciliación e da corresponsabilidade, de novos textos lexislativos e de iniciativas que teñen como obxectivo garantir os dereitos das mulleres.