Nova

Belén do Campo e o CRAT Arquitectura presentan o partido deste sábado contra o Sevilla para visibilizar a loita contra a violencia de xénero

A delegada da Xunta salientou, durante a presentación, que o deporte galego é hoxe un espazo de igualdade en constante crecemento, no que as mulleres ocupan cada vez máis protagonismo e inspiran ás novas xeracións


A Coruña, 12 de novembro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, presentou hoxe xunto co equipo feminino de rugby CRAT Arquitectura o partido do equipo desta fin de fronte ao Sevilla Rugby Club, que se inclúe dentro da Campaña de Promoción e Sensibilización do Deporte Feminino Galego 2025, que ten que incluir un partido dedicado a rexeitar a violencia de xénero no deporte, próximo á data do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

O partido celebrarase o sábado 15 de novembro ás 15:00 horas e forma parte do programa impulsado pola Xunta de Galicia para fomentar a igualdade e apoiar o deporte feminino galego de alta competición. A través desta iniciativa, a Secretaría Xeral para o Deporte desenvolve accións de patrocinio e colaboración cos principais clubs galegos de competición estatal, entre eles o CRAT Arquitectura, que actúan como referentes da participación feminina e como altavoces dos valores da igualdade, tolerancia e respecto no deporte.

Esta campaña conta cun orzamento de 250.000 euros para apoiar a 23 clubs deportivos dos cales oito son da provincia da Coruña con máis de 83.000 euros. O obxectivo é reforzar a difusión da marca “Deporte Galego” asociada aos valores de igualdade, esforzo e superación que caracterizan ás deportistas galegas.

Belén do Campo salientou, durante a presentación, que “o deporte galego é hoxe un espazo de igualdade en constante crecemento, no que as mulleres ocupan cada vez máis protagonismo e inspiran ás novas xeracións. Dende a Xunta queremos seguir apoiando o seu esforzo e darlle visibilidade á súa contribución, non só no ámbito deportivo, senón tamén no social”.

A campaña constitúe unha actividade de patrocinio impulsada polo Goberno galego mediante a formalización de contratos de colaboración cos equipos participantes, que inclúen accións concretas de difusión e sensibilización.  Estas accións, ademais de reforzar a visibilidade institucional, buscan sensibilizar á sociedade e promover a igualdade real no deporte, tanto no ámbito da práctica como na súa representación mediática.

Durante a súa intervención, Belén do Campo lembrou que “a evolución do deporte feminino en Galicia é unha mostra de avance social: mentres no ano 2009 só o 19% das licenzas deportivas eran femininas (42.480 sobre 224.501), en 2023 esa cifra ascendeu a 77.660 licenzas femininas dun total de 293.686, un 26,4% do total. Tamén aumentou significativamente a presenza de mulleres deportistas de alto nivel, pasando de 95 en 2011 a 491 mulleres recoñecidas na última resolución de 2024, o que amosa unha tendencia ascendente e consolidada na práctica deportiva feminina galega”. A Xunta seguirá acompañando este crecemento con políticas activas de apoio, visibilidade e igualdade”.

Con todo, Belén do Campo lembrou que “aínda existen diferenzas entre o deporte feminino e masculino, tanto en visibilidade mediática como en igualdade laboral e salarial, e é por iso que precisamos seguir traballando xuntos para revertelas”.

O partido do CRAT Arquitectura fronte ao Sevilla será, así, moito máis que unha cita deportiva: converterase nun símbolo do compromiso de Galicia coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero, un espazo para reivindicar o papel da muller no deporte e na sociedade.