Nova

A Xunta felicita a Executivas de Galicia por quince anos de compromiso coa igualdade de xénero e co avance do talento feminino galego

María Quintiana lembra que o Goberno galego destinará 29M€ o vindeiro ano a esta materia e enxalza a traxectoria de Dora Casal e Mulleres de Seu, as galardoadas nesta edición


Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, lembrou esta tarde que a Xunta destinará en 2026 un total de 29M€ a políticas de promoción da igualdade de xénero, con especial atención ao fomento do emprendemento feminino. Así o destacou durante a entrega dos X Premios Executivas de Galicia, que recaeron nesta edición na directiva Dora Casal, CEO da firma Roberto Verino, e no colectivo Mulleres de Seu, que reúne a gandeiras da cooperativa láctea CLUN.

Durante o acto, María Quintiana felicitou a Executivas de Galicia “por 15 anos de compromiso co avance do talento feminino galego e coa igualdade de xénero”. Ademais, destacou a traxectoria das galardoadas, ás que definiu como “exemplo de mulleres referentes que merecen ser coñecidas e recoñecidas pola sociedade galega”. “A vosa experiencia e compromiso inspiran a Galicia Calidade que construímos xuntas”, engadiu.

A entrega de premios serviu como colofón do primeiro Congreso Executivas, que tivo por lema 15 anos sementando referentes e no que tamén participaron a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez; a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses; e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño.