Nova
A Xunta impulsa o uso da linguaxe non sexista e inclusiva no ámbito da administración autonómica
Está dirixida a persoal funcionario e contén recomendacións para as persoas integrantes dos gabinetes das Consellerías
É unha das medidas do I Plan de Igualdade da Xunta e pretende amosar que é posible aspirar a unha comunicación sen complicacións, lixeira, fluída e natural, ao mesmo tempo que é inclusiva e correcta gramaticalmente
Colabora con outro manual promovido pola Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (Agaxorde) para apoiar prácticas comunicativas que non reproduzan estereotipos de xénero e que resten visibilidade á presenza das mulleres
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, presentou hoxe unha Guía de linguaxe non sexista e inclusiva no ámbito da Administración autonómica. O obxectivo é eliminar expresións e prácticas comunicativas que reproduzan estereotipos de xénero ou que resten visibilidade á presenza das mulleres nos distintos eidos da vida pública.
Esta guía está dirixida ao persoal funcionario da Administración autonómica. A súa elaboración é unha das medidas do I Plan de Igualdade da Xunta de Galicia e amplía o seu ámbito facendo tamén recomendacións para o persoal dos gabinetes das Consellerías. Ademais, xa foi aprobado pola comisión de seguimento do devandito plan galego de igualdade, da que forman parte sindicatos e diferentes departamento da Xunta.
Na presentación tamén participou unha das profesionais do equipo redactor, Cristina Louzán García, e nela María Quintiana explicou que se trata dun documento práctico, dinámico e didáctico, desenvolto no que se dan orientacións para as comunicacións interpersoais no eido laboral e para a redacción de comunicados e documentos, xa sexan administrativos, de carácter oficial, notas de prensa, presentacións ou discursos.
Así mesmo, a directora xeral sinalou que esta guía pretende amosar tamén que é posible aspirar a unha comunicación sen complicacións, que resulte lixeira, fluída e natural, ao mesmo tempo que inclusiva e correcta gramaticalmente.
Ámbito deportivo
Xunto con este manual, María Quintiana informou de que o seu departamento colaborou con outro promovido pola Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (Agaxorde), que no acto estivo representada pola xornalista deportiva Patricia Rodríguez Juste. Está guía está pensada para profesionais do xornalismo deportivo, coa finalidade de ser unha ferramenta de apoio na redacción e representación das figuras do deporte, promover a visibilidade e tratamento equitativo, así como evitar os sensacionalismos e a sexualización.
Con estas dúas guías dáse cumprimento á actual Lei de Igualdade e divulgaranse publicamente a través da páxina web da Xunta, así como entre as distintas Consellerías e departamentos da Administración autonómica.