Nova
A Xunta colabora coa Asociación Galega de Linfedema a través de iniciativas que dean visibilidade a estas patoloxías e ás persoas que as sofren
Begoña Abeijón destacou que as xornadas de formación son imprescindibles para achegar aos profesionais a realidade diaria das persoas afectadas
Sarria (Lugo), 11 de outubro de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu hoxe a unha xornada de formación para profesionais sobre o Linfedema, Lipedema insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías vasculares periféricas que se imparte no CAPD de Sarria. Esta é unha das accións coas que colabora a Xunta de Galicia para sensibilizar, dar visibilidade a estas patoloxías e a realidade das persoas que as sofren.
Neste senso, Begoña Abeijón destacou que estas xornadas de formación son imprescindibles para achegar aos profesionais a estas patoloxías e contribuír así a mellorar os tratamentos e a calidade de vida das persoas afectadas. Deste xeito, sinalou que un dos obxectivos da Xunta e asociación galega de linfedema, lipedema, insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL) é achegar estas doenzas aos servizos de atención e promover información específica para o diagnóstico e tratamento, polo que avanzou que desde a Administración galega xa traballan coa entidade para seguir impulsando esta iniciativa piloto no resto de centros de atención á discapacidade públicos.
Begoña Abeijón destacou a aposta da Xunta por seguir mellorando a calidade de vida de todos os galegos para o que é imprescindible crear espazos de diálogo entre profesionais e tecido asociativo, coma este en Sarria, que promovan novas vías de tratamento e diagnóstico, ao tempo que se intensifica a relación cos doentes.