Nova
A Xunta recorre no Tribunal Supremo contra os decretos do Goberno central que regulan o traslado dos menores migrantes non acompañados
Rueda lamenta a falta de coordinación do Executivo estatal coas autonomías
O argumento da impugnación é a inconstitucionalidade das normas, ao igual que se fixo coa reforma da Lei de estranxeiría que 11 comunidades, entre elas Galicia, levaron ao Constitucional
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello ratificou a resolución adoptada pola Asesoría Xurídica de presentar dous recursos contencioso-administrativos diante do Tribunal Supremo fronte aos dous reais decretos aprobados este verán polo Goberno central, os cales regulan os traslados obrigatorios de menores migrantes non acompañados e a capacidade ordinaria de acollida das comunidades autónomas.
Trátase das dúas normas que desenvolven o Real decreto lei 2/2025, do 18 de marzo, a través do cal o Executivo central impuxo unha distribución de menores chegados a Canarias, Ceuta e Melilla entre as distintas comunidades e dos cales máis de 300 virán a Galicia.
Tal e como lembrou Rueda, Galicia, xunto con “outras dez comunidades autónomas”, xa recorreu previamente ao Tribunal Constitucional contra o devandito real decreto lei do pasado mes de marzo, ao entender que invade competencias autonómicas, xa que o sistema de protección á infancia, como ditaminou o Consello Consultivo, é unha competencia exclusiva das autonomías.
Por iso, a Xunta actúa con coherencia e os recursos presentados agora no Tribunal Supremo teñen a mesma argumentación, ao considerar que os decretos que desenvolven a Lei de marzo arrastran os mesmos vicios de inconstitucionalidade. Así mesmo, a Xunta denuncia que no que levamos de ano o Goberno central aínda non achegou financiamento ningún para o acollemento destes menores.