Nova

A Xunta promove 42 cursos ocupacionais dirixidos a persoas en situación ou risco de exclusión social

Máis de 600 persoas poderán participar nestas accións formativas que se desenvolverán ata xuño do vindeiro ano en 27 concellos galegos

Están coordinadas polos Equipos comarcais de inclusión sociolaboral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Forman parte da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030 e están cofinanciadas pola Unión Europea a través do programa FSE+Galicia 2021-2027


Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2025

A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, iniciou o pasado mes de setembro unha serie de accións formativas que se desenvolverán de maneira paulatina ata o 30 de xuño do 2026. Este programa consta de 42 cursos de carácter ocupacional cun total de 3.591 horas lectivas para un máximo de 630 persoas en situación ou risco de exclusión social.

Estes cursos están coordinados polos 18 Equipos comarcais de inclusión sociolaboral e os dous equipos de inclusión dos centros penitenciarios A Lama e Teixeiro. As diferentes accións repartiranse entre 27 concellos galegos, ampliando así a oferta formativa destes municipios.

A formación programada ten un carácter ocupacional en sectores de produtividade cun amplo abano de posibilidades laborais e, con esta finalidade, organizáronse cursos vinculados ao sector servizos, construción e loxística. Ademais, todos eles terán incluído no número total de horas un módulo específico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, sensibilización medioambiental e innovación social.

Estes cursos desenvólvense no marco da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-20230 e están cofinanciados pola Unión Europea ao abeiro do programa FSE+Galicia 2021-2027.