Nova

A Xunta denuncia o recorte do Goberno central en políticas de igualdade reducindo os fondos do Plan Corresponsables e sobrecargando ás comunidades

A directora xeral de Promoción da Igualdade lembrou no Parlamento que este exercicio Galicia perdeu 2,3M€ que tiña comprometidos para actividades de conciliación  


Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, denuncia esta mañá no Parlamento que o Goberno central penaliza ás Comunidades Autónomas recortando a financiación do Plan Corresponsables o que se traduce -explicou- nunha redución das políticas de igualdade.  

María Quintiana lembrou que a mediados deste ano o Consello de Ministros aprobou un recorte dun 25% da súa achega ao Plan Corresponsables, o que supón unha baixada de case 50 millóns de euros. Este recorte -explicou- provoca unha diminución de fondos por parte do Ministerio de Igualdade para políticas de conciliación e corresponsabilidade, pasando de 190 millóns de euros a 142,5 para este mesmo ano.

Neste senso, a directora xeral denunciou a falta de compromiso e de responsabilidade do Executivo central co fomento da conciliación e a igualdade, ocasionando -dixo- que Galicia perdese 2,3 millóns de euros que xa tiña comprometidos e que se destinaban a tres liñas de axudas a concellos, entidades de iniciativa social e ANPAS, cando a súa convocatoria xa estaba a piques de resolverse.

Por iso, volveu denunciar que esta decisión do Executivo central supuxo un cambio no modelo de financiamento destes fondos que distribúe ás Comunidades Autónomas desde o ano 2021, e que se traduce “na modificación das regras de xogo na metade do exercicio”, cando os orzamentos das Comunidades xa estaban en vigor.