Nova
A delegada da Xunta en Ferrol destaca o esforzo inversor do Goberno galego na atención aos maiores durante o XXVIII aniversario da residencia de Laraxe
Cabanas (A Coruña), 30 de outubro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, compartiu esta mañá unha xornada festiva cos maiores da residencia de Laraxe, en Cabanas, con motivo do XXVIII aniversario do centro, onde aproveitou para poñer en valor o compromiso do Goberno galego coa atención as persoas maiores.
Neste sentido, Aneiros destacou os 844 M€ que a Consellería de Política Social e Igualdade dedica a esta área nos Orzamentos de 2026, o que reflicte un aumento do 17% con respecto ao ano anterior. “Isto permitirá destinar 7M€ para os bonos dependencia na nosa área territorial dos que se beneficiarán máis de 250 persoas”, asegurou Aneiros.
Ademais puxo en valor as 120 novas prazas públicas de atención residencial que se crearán en Ferrol coa posta en marcha da nova residencia pública de maiores do barrio do Bertón impulsada pola Fundación Amancio Ortega, así como os 5 M€ previstos para continuar a remodelación da residencia de maiores de Caranza e adaptala ao novo modelo de residencias públicas.
A xornada festiva de hoxe puxo o colofón a unha semana de actos na que os maiores de Laraxe gozaron de obradoiros, xincanas de xogos, sesións de cine e as actuacións da rondalla Añoranzas ou da escola de danza Tedaga, de Narón.