Nova

Belén do Campo asiste ao acto de lectura do manifesto con motivo do Día do Dano Cerebral Adquirido organizado por Adaceco


A Coruña, 26 de outubro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, asistiu, esta mañá, ao acto de lectura do manifesto con motivo do Día do Dano Cerebral Adquirido, organizado pola Asociación de Dano Cerebral da Coruña (ADACECO), co obxectivo de dar visibilidade ás persoas afectadas por esta discapacidade e ás súas familias, así como de reivindicar o seu dereito a unha vida plena e a súa inclusión social.

A delegada da Xunta destacou que “a Xunta mantén un firme compromiso coas persoas con dano cerebral adquirido, impulsando recursos específicos de atención, programas de rehabilitación e medidas de apoio que favorecen a súa autonomía persoal e a súa plena participación na comunidade”.

A representante autonómica puxo en valor o labor de ADACECO, que leva anos traballando en favor da mellora da calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias. O Día do Daño Cerebral, que se conmemora cada 26 de outubro, serve para sensibilizar a sociedade sobre as consecuencias desta lesión neurolóxica, que adoita ter unha importante repercusión na vida persoal, familiar e laboral das persoas afectadas. Baixo o lema escollido, 30 anos fiando cerebro e corazón, este ano ten un significado especial xa que o movemento asociativo a nivel nacional celebra o seu 30 aniversario, tres décadas dedicadas á defensa de dereitos, a mellora da calidade de vida e a visibilización das persoas con dano cerebral adquirido en España.