Nova
A Xunta destaca que os espazos de reflexión profesionais son esenciais para seguir afondando na prevención, sensibilización e detección da violencia de xénero
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero puxo en valor as medidas pioneiras impulsadas polo Goberno galego neste eido
Lugo, 13 de outubro de 2025
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na inauguración das XIII Xornadas de Avogados e Avogadas contra a violencia de xénero. Durante a súa intervención, agradeceu ao Consello Xeral da Avogacía Española por escoller Galicia para este espazo de reflexión profesional que é xa un referente para seguir afondando na prevención, sensibilización e detección.
O director xeral puxo en valor as políticas da Xunta neste eido que permiten situar a Galicia como un referente na loita contra a violencia contra as mulleres. Deste xeito, lembrou que a comunidade galega foi a primeira en habilitar unha prestación económica periódica para as mulleres vítimas co obxectivo de fomentar a súa independencia económica e potenciar a súa recuperación; tamén explicou que a nivel normativo, a Lei galega de violencia de xénero tamén contempla desde hai anos ás vítimas de violencia sexual, ofrecéndolles a mesma protección e garantías.
Neste senso, Barba fixo fincapé na estreita colaboración co tecido asociativo e que permite seguir mellorando e ampliando os recursos como a rede de acollida ou as actividades de sensibilización á cidadanía. Así mesmo, explicou que o papel das entidades é fundamental para cambiar as políticas públicas, como xa se está facendo co II Plan galego contra a trata de seres humanos e a explotación sexual e na elaboración da primeira Lei de Acoso e Violencia dixital que impulsa a Xunta.