Nova
Belén do Campo mantén un encontro con Adaceco e anima aos coruñeses a participar, este domingo, na praza de María Pita, na lectura do manifesto polo Día nacional do dano cerebral
A Coruña, 21 de outubro de 2025
A delegada da Xunta de Galicia, Belen Do Campo, mantivo esta mañá unha reunión cos representantes da Asociación de Dano Cerebral de Coruña (Adaceco), dentro da rolda de contactos que vén realizando coas diferentes entidades sociais da cidade e comarca co obxectivo de coñecer de primeira man as súas necesidades e proxectos de futuro.
A representante do Goberno autonómico animou a todos os coruñeses a participar, o próximo domingo, ás 12 horas, na lectura do manifesto polo Día Nacional do Dano Cerebral, organizado por Adaceco na praza de María Pita, un acto que serviu para dar visibilidade a esta realidade e para lembrar a necesidade de seguir avanzando na sensibilización social, na prevención e na mellora da atención sanitaria e sociosanitaria.
Durante o encontro, Belén do Campo expresou o seu recoñecemento polo labor fundamental que desenvolve Adaceco no acompañamento, atención e rehabilitación das persoas que padecen dano cerebral adquirido, así como no apoio ás súas familias. Subliñou que “o traballo que realiza esta asociación é esencial para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva e solidaria”.
A delegada destacou tamén a importancia de seguir reforzando a colaboración institucional co tecido asociativo, que constitúe un aliado imprescindible na prestación de servizos sociais de proximidade e na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade.