Nova

Fabiola García destaca a aposta dos orzamentos de 2026 por garantir as máximas oportunidades para as mulleres traballadoras e emprendedoras de Galicia

As novas contas da Xunta reservan case 30 millóns de euros para políticas de promoción da igualdade, un 2% máis que as deste exercicio 

A responsable autonómica defende as medidas postas en marcha para facer fronte a fenda salarial e os estereotipos de xénero no eido laboral


Vigo, 21 de outubro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, sinalou esta maña que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano reafirman o compromiso do seu departamento por garantir as máximas oportunidades para as mulleres traballadoras e emprendedoras de Galicia. Díxoo na inauguración do IX Congreso Empresarial Acción  e Implicación da Asociación Empresarias Galicia, no que apuntou que as novas contas autonómicas destinan preto de 30 millóns de euros a políticas de promoción da igualdade, un 2% máis con respecto a este exercicio. O acto tamén asistiu o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana.

Fabiola García indicou que estes fondos permitirán reforzar as políticas do Goberno galego nos ámbitos da conciliación e a corresponsabilidade, ademais seguir favorecendo  o emprego feminino. Precisamente, a través do programa de apoio ao emprendemento feminino (Emega), nos últimos dez anos a Xunta impulsou máis de 2.000 proxectos, a maioría deles de autónomas, xerou ou reactivou máis de 4.000 empregos e apoiou polo menos un proxecto no 80% dos concellos.

Na súa intervención, a titular de Política Social e Igualdade avogou por continuar dando pasos adiante ata rematar coa fenda salarial e os estereotipos de xénero que aínda persisten no eido laboral. Neste sentido, destacou as medidas de conciliación postas en marcha pola Xunta e que fan de Galicia un referente neste ámbito, tales como: a gratuidade das escolas infantís, a rede de casas niño no rural o Bono Concilia Familia ou as liñas de apoio para a conciliación a concellos, Anpas e entidades de iniciativa social.

Fabiola García tamén salientou o feito de que cada vez sexan máis as mulleres e rapazas que estudan e se dedican a carreiras máis técnicas, as denominadas STEM. Así mesmo, puxo en valor a primeira Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados na que está traballando a Xunta.

A conselleira subliñou o papel fundamental das mulleres no ámbito empresarial, onde o seu talento lidera empresas de todos os sectores e tamaños, ademais de achegar valor e competitividade ao desenvolvemento económico e social da comunidade. Neste sentido, recoñeceu o traballo da Asociación Empresarias Galicia para dar visibilidade que se merece ao protagonismo feminino no mundo empresarial, así como a súa contribución a dinamizar, fomentar e potenciar iniciativas encabezadas por mulleres en Galicia.