Nova

Rueda eloxia o papel esencial de Cogami na construción dunha Galicia máis xusta, solidaria e inclusiva

Cualifica a Cogami como aliado esencial da Xunta e subliña o seu protagonismo para transformar o modelo asistencialista centrado na persoa 

A Xunta destina en 2025 un orzamento récord de 176 millóns de euros ás políticas de discapacidade

Lembra o impulso da Segunda Estratexia Galega da Economía Social Horizonte 2027, coa que se aspira a xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades

Este ano, destínase preto de 45 millóns de euros á creación e  fomento de emprego na economía social, un 2,8% máis que no exercicio anterior, e no marco dun esforzo que se consolidará o vindeiro ano


Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2025

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou hoxe no acto de conmemoración do 35º aniversario da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), onde puxo en valor a traxectoria dunha entidade que, segundo salientou, forma parte da mellor versión de Galicia e que leva máis de tres décadas contribuíndo á inclusión e á defensa dos dereitos das persoas con discapacidade. 

Rueda lembrou os inicios de Cogami, cando un grupo de persoas decidiu organizarse para facer visible a realidade das persoas con discapacidade e reclamar os seus dereitos. O titular do Goberno galego destacou que o que comezou nun piso do Milladoiro é hoxe unha gran organización que presta servizo a máis de 15.000 persoas de toda Galicia e integra máis de 60 asociacións, unidas polo compromiso coa inclusión e o respecto á diversidade. 

O presidente subliñou que Cogami naceu para defender dereitos e transformar o modelo asistencialista nun modelo centrado na persoa, nas súas capacidade e intereses. Neste senso, recoñeceu a atención que a entidade presta especialmente ás mulleres e nenas con discapacidade, que moitas veces atopan máis barreiras e dificultades. 

Rueda cualificou a Cogami como aliado esencial da Xunta, lembrando que o Goberno autonómico acompañou e apoiou a súa traxectoria con recursos e proxectos concretos. Citou, entre outros, o convenio de 800.000 euros asinado en 2024 para apoiar a construción da nova sede da entidade e o novo acordo para este ano, por valor de 550.000 euros, para seguir avanzando neste proxecto. 

O xefe do executivo autonómico tamén destacou que o labor de Cogami contribuíu a cambiar a maneira en que Galicia entende a inclusión, convertendo a comunidade nun referente nesta materia. Indicou que en 2025 a Xunta destina un orzamento récord de 176 millóns de euros ás políticas de discapacidade, cunha aposta que vai máis alá do financiamento e que se fundamenta no compromiso e na cooperación coas familias e as entidades sociais. 

Rueda explicou que a rede pública galega de residencias e centros de día para persoas con discapacidade continúa medrando, con 300 novas prazas postas en marcha no último ano ata acadar as máis de 5.600 prazas públicas especializadas, unha cifra que seguirá aumentando nos vindeiros exercicios. 

Ademais, referiuse a Cogami como un exemplo de economía social en Galicia. Neste eido, lembrou que a Xunta impulsa a Segunda Estratexia Galega da Economía Social Horizonte 2027, coa que pretende xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades. Este ano, o Goberno galego destinou preto de 45 millóns de euros á creación e fomento de emprego na economía social, un 2, 8% máis que no exercicio anterior, e no marco dun esforzo que se consolidará o vindeiro ano. Neste eido, Galicia conta con 138 Centros Especiais de Emprego que dan traballo a máis de 7.000 persoas con discapacidade.

O titular da Xunta concluíu a súa intervención reafirmando o compromiso do Goberno galego cunha Galicia máis xusta e inclusiva, e agradecendo a Cogami os 35 anos de traballo e compromiso cara unha sociedade máis igualitaria.