Nova

Fabiola García anuncia que a Xunta licitará cos orzamentos de 2026 o proxecto para a construción da futura residencia de maiores de Ribeira para a que se reserva un millón de euros

Reafirma o compromiso do Goberno galego con este proxecto despois de que se tivera que desbotar a localización prevista nas Saíñas polos cambios na normativa estatal a causa da DANA

A contratación desta actuación sairá adiante unha vez que os técnicos avalíen a idoneidade das parcelas presentadas polo concello para construír o edificio

Destaca que as novas contas autonómicas poñen o foco na atención á dependencia e no coidado ás persoas maiores


Ribeira (A Coruña), 18 de outubro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, informou hoxe de que a Xunta avalía as novas propostas de parcelas remitidas polo Concello para o emprazamento da futura residencia de maiores de Ribeira, que formará parte da rede pública autonómica. Deste xeito, a conselleira reafirma o compromiso do Goberno galego con este proxecto para o que se reserva un millón de euros nos orzamentos de 2026.

Fabiola García, que estivo acompañada da alcaldesa, María Sampedro, sinalou que os orzamentos da Xunta de 2026 comezarán a facer realidade este novo centro residencial, que se licitará tan pronto como os técnicos da Consellería avalíen os posibles emprazamentos presentados pola administración local. O Executivo autonómico retoma unha actuación que considera estratéxica, despois de que se tivera que desbotar a idea inicial de emprazar este equipamento nas Saíñas polos cambios na normativa estatal con respecto ás zonas inundables que se introduciron trala DANA.

Neste sentido, a titular de Política Social e Igualdade agradeceu a colaboración da alcaldesa e do concello na busca de solucións e avances nun proxecto que mellorará a calidade de vida das familias e os coidados das persoas maiores da localidade

Fabiola García apuntou que as novas contas autonómicas, aprobadas onte en Consello e que pasado mañá inician a súa tramitación parlamentaria, poñen o foco na atención á dependencia e no coidado ás persoas maiores. Ao respecto, apuntou que se reforza o labor impulsado este ano a través do plan de choque e do progresivo aumento da rede pública de prazas de atención residencial.

Relevancia das políticas sociais

Ademais, a responsable autonómica salientou que, unha vez máis, as políticas sociais gañan relevancia nos novos orzamentos, co obxectivo de consolidar todo o feito nos últimos anos para que Galicia siga sendo o mellor lugar para vivir, formar unha familia e facerse maior.

Fabiola García apuntou que as contas de 2026 reforzan e melloran os servizos públicos, volven impulsar a atención ás necesidades das familias galegas e consolidan a posición referente da comunidade na universalización dos coidados ás persoas en situación de dependencia.