Nova
A Xunta destaca o papel transformador da universidade como xeradora de coñecemento para construír sociedades máis igualitarias
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, puxo en valor a creación de espazos de reflexión para seguir mellorando as políticas públicas en igualdade
Santiago de Compostela, 17. de outubro de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta mañá na 2º sesión do grupo permanente de traballo de Política e Xénero da Asociación española de Ciencia Política e da Administración que se celebrou na Universidade de Santiago. Na súa intervención, destacou o papel transformador da institución académica como xeradora de coñecemento para construír sociedades máis igualitarias.
Neste senso, a directora xeral puxo en valor o papel deste espazo de traballo e reflexión, “oportuno, que simboliza compromiso, pensamento crítico e esperanza”, dixo, e que pon de relevo a necesidade de seguir impulsando a perspectiva de xénero na investigación, lembrando o novo Programa Galicia Investiga Igualdade posto en marcha con ese obxectivo.
Así mesmo, no que se refire ao xénero e a política, Quintiana destacou a necesidade de impulsar liderados feministas, que non se define polo xénero de quen o exerce, senón pola mirada que o sostén. Isto é, espazos de transformación, escoita, cooperación e coidados.
Xornada Fake News de Xénero na Ciencia
A directora xeral de Promoción da Igualdade participou na xornada Fake News de Xénero na Ciencia, onde destacou a importancia de seguir avanzando para rachar cos estereotipos de xénero na ciencia e no resto de eidos sociais, principalmente cando unha parte dos bulos estigmatizan ás mulleres e reforzan as desigualdades. Por iso, avanzou un dos retos principais da sociedade actual e do futuro é atopar ferramentas para combater as novas falsas, especialmente nun momento no que a Intelixencia Artificial está aumentando a súas presenza.