Nova
Fabiola García pon en valor a transformación do sector de coidados impulsada pola Xunta e centrada na sinerxia entre o ámbito sanitario e o social
A conselleira destaca que o obxectivo do Goberno galego “é pasar dun modelo reactivo a un proactivo, evolucionando do paradigma do paciente ao do cidadán”
A conselleira felicita ao Clúster de Saúde de Galicia pola consolidación do Fórum RIES e por ser un axente clave para impulsar a cooperación entre empresas, administracións e entidades do terceiro sector
O Grove (Pontevedra), 16 de outubro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá a renovación e modernización do sector de coidados impulsada pola Xunta, que aposta por un modelo que mellore a atención ás persoas maiores a través do reforzo da coordinación entre os ámbitos sanitario e social. Así o destacou na súa intervención na décima edición do Fórum RIES, organizado polo Clúster de Saúde de Galicia e que reúne na Illa da Toxa aos principais expertos internacionais en innovación sociosanitaria.
Fabiola García destacou que o obxectivo do Goberno galego “é pasar dun modelo reactivo a un proactivo, evolucionando do paradigma do paciente ao do cidadán”. Neste sentido, explicou a progresiva implantación en Galicia dun sistema de coidados “realista e consensuado co sector” e centrado no denominado modelo das “seis Ps”, é dicir: no dos coidados personalizados, profesionais, predictivos, poblacionais, participativos e proactivos.
A conselleira explicou que este modelo de Galicia asentase sobre catro pilares básicos: a innovación asistencial, o aproveitamento das vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías, a transformación arquitectónica dos centros e a humanización dos coidados. Entre as medidas tomadas pola Xunta neste sentido, destacou a implantación da historia clínica electrónica IANUS, a farmacia hospitalaria en todos os centros de máis de 90 prazas, a creación dun certificado que avalía a calidade dos coidados, a posta en marcha dun censo común estandarizado (Cenres) ou o desenvolvemento dun plan de formación continuo.
Na súa intervención, tamén detallou a aposta pola modernización tecnolóxica das residencias da rede pública autonómica, dotándoas de monitores multiparamétricos, habitacións intelixentes e de novos sistemas de rehabilitación integral. Fabiola García felicitou ao Clúster de Saúde de Galicia pola consolidación do Fórum RIES e por ser un axente clave para impulsar a cooperación entre empresas, administración e entidades do terceiro sector. Ademais, destacou a relevancia do Fórum RIES como espazo de referencia para compartir coñecemento e experiencias sobre a transformación do sistema de coidados en Galicia.
No evento celebrado na Toxa, tamén participou a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, que moderou a mesa redonda A saúde dos datos. Pola súa banda, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e a directora directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participaron na mesa de debate O futuro dos coidados: talento humano e tecnoloxía ao servizo das persoas.