Nova

A Xunta presenta unha guía que reforza a perspectiva de xénero na atención primaria e ten en conta as distintas etapas das mulleres para mellorar a súa saúde

Gómez Caamaño precisa que as diferenzas de saúde entre mulleres e homes non se explican só por trazos biolóxicos, tamén por factores socioculturais ou roles

Chama a que etapas da vida como a menopausa deixen de percibirse como enfermidades

O Servizo Galego de Saúde aspira a acreditar un centro de saúde de cada área como centro que promove a lactación materna

Destaca o traballo específico que xa se realiza en materia bucodental, con máis de 8.700 embarazadas atendidas o pasado ano

O programa de disfuncións do solo pelviano, que xa atendeu máis de 20.000 mulleres, incidirá no incremento de detección de pacientes por parte de matronas e fisioterapeutas dos centros de saúde


Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe a necesidade de reforzar a perspectiva de xénero na atención primaria a través dunha guía para profesionais sobre a saúde das mulleres que ten en conta as distintas etapas da vida para mellor a saúde do colectivo feminino.

Así o sinalou en rolda de prensa, xunto coa directora xeral de Promoción da Igualdade da Consellería de Política Social e Igualdade, María Quintiana, e coa subdirectora xeral de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, Patricia Pazos.

Gómez Caamaño enmarcou este traballo na Estratexia Galega de Saúde 2030, que introduce unha visión integral da saúde das mulleres e incorpora a perspectiva de xénero na atención sanitaria. Indicou que as diferenzas de saúde entre homes e mulleres non se explican só polos trazos biolóxicos, senón que están influenciadas por factores socioculturais, percepcións, expectativas ou roles.

Con esta guía, segundo manifestou o conselleiro de Sanidade, búscase compilar toda a información contrastada existente para, por exemplo, “desmedicalizar” certas etapas da saúde das mulleres para que deixen de percibirse como enfermidades, como é o caso da menopausa.

Entre os obxectivos detallados pola subdirectora xeral de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, Patricia Pazos, encargada da presentación da guía, destaca a aspiración de conseguir que polo menos un centro de saúde de cada área sanitaria sexa acreditado como IHAN no período 2025-2027. Este selo de Unicef e a Organización Mundial da Saúde indica que se favorece un entorno que promove a lactación materna e que axuda ás nais a mantela en exclusiva durante os seis primeiros meses de vida do bebé e que, a partir dos seis meses, poidan continuar coa lactación xunto cos alimentos complementarios ata os dous anos ou máis.

Entre as recomendacións de “non facer” por parte do persoal de atención primaria, cítase non solicitar densitometría de forma rutineira en mulleres posmenopáusicas para valorar o risco de fractura osteoporótica, sen realizar antes unha valoración de factores de risco.

A guía promove tamén unha contorna na que as mulleres non oculten que padecen un problema de saúde relacionado co solo pelviano, a máis frecuente neste caso é a incontinencia urinaria. O programa de disfuncións do solo pelviano feminino que funciona no Servizo Galego de Saúde desde 2017 xa atendeu máis de 20.000 mulleres. Así, incídese no incremento de detección de pacientes por parte de matronas e fisioterapeutas dos centros de saúde.

Sobre o documento presentado hoxe, Gómez Caamaño resaltou a mención específica que xa se fai á saúde bucodental no embarazo, co fin de reforzar o seu autocoidado. De feito, no 2024, atendéronse máis de 8.700 mulleres e realizáronse preto de 30.000 consultas.

Pola súa banda, a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, puxo en valor a importancia da colaboración entre os diferentes departamentos da Xunta para poder incorporar a perspectiva de xénero en todos os eidos da sociedade. Neste sentido, agradeceu á Consellería Sanidade a man tendida para o deseño de ferramentas que axuden a dotar ao persoal de ferramentas de apoio que permitan “seguir avanzando cara unha atención sanitaria máis precisa e máis igualitaria”.

Na súa intervención, a directora xeral lembrou outros exemplos de colaboración como a elaboración este mesmo ano do Protocolo sanitario de atención primaria ás persoas transexuais e o traballo conxunto entre a Dirección Xeral de Saúde Pública e os centros Quérote+ para sensibilizar nos festivais do verán sobre a prevención de infeccións de transmisión sexual (ITS).

A guía, unha vez presentada, será trasladada ao persoal dos centros de saúde de toda Galicia para a súa consulta como apoio na práctica clínica.