Nova

A Xunta aposta por seguir apoiando o emprendemento feminino como piar dun rural vivo e de oportunidades

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, explicou que a Administración autonómica impulsa proxectos liderados por mulleres no rural a través da convocatoria Emega


Cervantes (Lugo), 15 de outubro de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta tarde na xornada Mulleres que inspiran, que reuniu a diferentes emprendedoras -Jimena Santalices, de Cabanas de Ancares; Raquel Ferreiro, de Fisbel; e Uxía García, de Casa O’Crego- e que foi organizada desde o Polo de emprendemento da Fonsagrada.

Durante a xornada, no marco do Día das Mulleres Rurais, destacou que cada vez son máis as mulleres que lideran proxectos de emprendemento no rural e tamén gandarías, explotacións agrarias ou forestais, consolidándose como “uns referentes imprescindibles”.

A directora xeral lembrou que nos últimos anos se produciron moitos avances pero, explicou, que queda aínda moito traballo por facer. Polo que falou da importancia de visibilizar e apoiar os proxectos profesionais das mulleres que dan vida e continuidade ao mundo rural e para o que é imprescindible a colaboración dos tecido social e as Administracións.

Nesta liña, María Quintiana lembrou que desde a Xunta se está poñendo o foco no apoio ao emprendemento feminino no rural, en sectores masculinizados e proxectos liderados por mulleres de máis de 55 anos, a través do programas como as axudas Emega. Ao mesmo tempo, recalcou que espazos coma este son “lugares de reflexión necesarios para mellorar as políticas públicas”.