Nova
Fabiola García avanza que os cinco centros de crise para vítimas de violencia sexual atenderon a 300 mulleres no primeiro semestre do ano
A conselleira de Política Social e Igualdade destaca que estes recursos funcionan “a pleno rendemento as 24 horas do día” e que a Xunta elaborará un informe anual que recollerá a súa actividade
Destaca o compromiso do Goberno galego coa loita contra todo tipo de violencia exercida contra as mulleres, que se traduce en medidas de prevención, sensibilización e atención integral
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou esta mañá que a Xunta elaborará un informe anual sobre a actividade dos cinco centros de crise para vítimas de violencia sexual cos que conta Galicia. Con todo, e á espera deses datos, avanzou no Parlamento que estes recursos prestaron atención a 300 mulleres no primeiro semestre do ano.
En resposta a unha interpelación, a conselleira destacou o compromiso do Goberno galego coa loita contra todo tipo de violencia exercida sobre as mulleres, unha aposta que “ten convertido a Galicia nunha das comunidades con maiores recursos destinados a este fin”, destacou. Neste sentido, lembrou que a Xunta actúa en tres eidos principais: a prevención, a sensibilización e a atención ás vítimas.
Concretamente, destacou as medidas de prevención e sensibilización, centradas principalmente na mocidade e que se articulan a través dos 84 Centros de Información á Muller (CIMS), dos centros Quérote+, dos puntos lila e arco iris nos festivais ou dos protocolos contra as violencias sexuais e LGBTIfóbicas. Ademais, a conselleira destacou que estas iniciativas veranse completadas a través da futura Lei de acoso e violencia dixital, na que traballa a Xunta e que incluirá medidas para conter a violencia sexual que se rexistra a través das redes.
En canto ás medidas de atención, Fabiola García destacou as axudas económicas que se conceden ás vítimas de explotación sexual e de trata; as iniciativas destinadas á atención habitacional das mulleres, a través das casas de acollida, e a atención psicolóxica.
Sobre os centros de crise, a conselleira fixo fincapé en que os cinco puntos de atención especializada cos que conta Galicia están plenamente operativos, prestando atención presencial e telefónica as 24 horas do día. Lembrou, ademais, que estes recursos foron postos en marcha pola Xunta dentro do prazo establecido e ”pese aos atrancos cos que nos atopamos todas as comunidades e que o Ministerio de Igualdade recoñeceu”, engadiu.
Atención profesional e multidisciplinar
Fabiola García lembrou que a Xunta investiu 11M€ en poñer en marcha e garantir o funcionamento destes cinco centros, un máis dos que esixe Europa, e que permiten ofrecer atención psicolóxica, xurídica e social ás vítimas de violencia sexual as 24 horas do día e todos os días do ano. Neste sentido, subliñou que os puntos de atención especializada dispoñen dun completo equipo profesional de carácter multidisciplinar, que integra persoal administrativo, traballadores sociais, psicólogos e xurídicos e que permite ofrecer atención integral nun mesmo recurso.
Esta asistencia está destinada a mulleres maiores de 15 anos vítimas e sobrevivintes de violencia sexual, tanto se se produciu de xeito recente, como se foi no pasado. Ademais, cómpre destacar que para obter esta atención especializada non é necesario interpoñer unha denuncia.
Atención á dependencia
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, tamén puxo en valor no Parlamento o esforzo da Xunta de Galicia na atención á dependencia e que permitiu triplicar o número de prazas públicas desde o 2009, chegando así ás máis de 16.000 que hai actualmente.
Ademais, destacou o bo funcionamento do novo modelo de residencias que se está implementando nos centros públicos e que se caracteriza por unha atención personalizada aos usuarios, a humanización dos espazos e o uso de sistemas tecnolóxicos para mellorar o seu benestar físico e cognitivo e a comunicación co persoal.