Nova

A Xunta colabora na inserción laboral de vítimas de violencia de xénero a través de entidades sociais como Cruz Vermella


Pontevedra, 15 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a sede da Cruz Vermella en Pontevedra, que ven de recibir unha achega de 48.000 euros grazas ás subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero.

O delegado territorial aproveitou a visita para coñecer as diferentes liñas de actuación que leva a cabo a Cruz Vermella na provincia de Pontevedra e moi especialmente aquelas relacionadas coa aposta pola igualdade, algo que, segundo asegurou Reguera, “é unha prioridade para a administración autonómica”.

Proba diso é esta liña de subvencións, cofinanciada con fondos europeos, que beneficiou a 16 entidades sen ánimo de lucro e que permitiu a contratación de preto dunha trintena de mulleres en toda Galicia.

O delegado territorial rematou a visita agradecendo  “o traballo incansable de todos os que forman a Cruz Vermella e, sobre todo, aos centos de voluntarios e voluntarias que invisten o seu tempo e esforzo en mellorar as vidas daqueles que máis o precisan”.