Nova
A Xunta destaca a importancia de seguir avanzando na igualdade laboral e na incorporación da perspectiva de xénero na prevención de riscos
Vigo, 15 de outubro de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta mañá na apertura da xornada técnica sobre seguridade e saúde laboral na empresa organizada por Asime co financiamento da Xunta. Durante a súa intervención, destacou a necesidade seguir avanzando na igualdade laboral, a través da incorporación da perspectiva de xénero no desenvolvemento de medidas para a prevención de riscos laborais.
Neste sentido, Quintiana explicou que traballar con este enfoque supón facer unha prevención con máis rigor, con máis precisión e con máis eficacia. É dicir, revisar as avaliacións de riscos con datos desagregados por sexo, adaptar a formación e, entre outros, garantir que os equipos de protección se axusten á diversidade real das persoas traballadoras.
Así, lembrou que, por exemplo, no ano 2023 tan só o 17% do emprego do sector do metal en Galicia era feminino, a pesar de que existía necesidade de cubrir postos de traballo. Tendo en conta isto, María Quintiana explicou que desde a Xunta xa se está traballando precisamente na primeira Estratexia de emprego feminino en sectores masculinizados, para seguir avanzando e sentando as bases da inserción laboral das mulleres en eidos nos que teñen pouca presenza.