Nova

O Observatorio galego contra a violencia de xénero insta ao ministerio de igualdade a informar sobre os fallos dos dispositivos de control das ordes de afastamento en Galicia

Os membros do Pleno tamén acordaron as liñas estratéxicas do II Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual


Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2025

O pleno do Observatorio galego contra a violencia de xénero aprobou hoxe pedir ao Ministerio de Igualdade información relativa ao fallo dos sistemas de control telemático das ordes de afastamento en Galicia. Deste xeito, solicitan información sobre o número de mulleres que se puideron ver afectadas na comunidade galega durante o período no que se rexistraron as eivas nos dispositivos.

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, sinalou que o Observatorio tamén solicitará ao Goberno central que dote de financiamento e medios técnicos suficientes o sistema cometa para garantir o seu correcto funcionamento no conxunto do Estado. Neste senso, recalcou que “a información recollida por este sistema é fundamental como elemento probatorio ante calquera acusación que se queira formular”.

Ademais, Roberto Barba avanzou que os membros do Pleno tamén acordaron as liñas estratéxicas que se van implementar no II Plan galego contra a trata de seres humanos con fin de explotación sexual que está elaborando o Goberno autonómico. Neste sentido, estableceron novas perspectivas a ter en conta a raíz da execución do I Plan.