Nova
A Xunta amplía as prazas dos centros de día públicos autonómicos de Ferrol
Creáronse unha ducia de novas prazas, catro no equipamento de Esteiro e outras oito no de Caranza
Ferrol, 14 de outubro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá a importancia da rede pública autonómica de centros de día, durante unha vista ao que está en funcionamento no barrio ferrolá de Esteiro e onde destacou a recente creación de doce novas prazas entre este centro e o de Caranza. En concreto, ampliouse en catro prazas máis o servizo de Esteiro, ata contar hoxe con 20, e en oito o de Caranza, que chega ás 58.
Fabiola García, que estivo acompañada do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e do alcalde da cidade, José Manuel Rey, indicou que Ferrol é unha mostra do que se está a facer por toda Galicia para seguir fortalecendo un sistema de coidados próximo e de calidade para as persoas maiores. Ao respecto, referiuse ás novas 150 prazas públicas de atención diúrna que se están a crear co Plan de Investimentos que o Executivo autonómico está a desenvolver da man dos concellos.
A estas novas prazas hai que engadir unha ampla rede de casas do maior que non parou de medrar desde que hai sete anos se puxeron en marcha as primeiras. Galicia rematará este exercicio con 160 destes recursos en funcionamento, o que supoñen 800 prazas de atención totalmente gratuítas para as familias.
Ademais da función asistencial e de coidados destes centros, a conselleira puxo o aceno no seu carácter social, xa que tamén son puntos de encontro que favorecen a participación e as relacións dos seus usuarios, así como un envellecemento activo e saudable.