Nova

Arias gaba os 30 anos de labor de Alume e a súa aposta por ampliar servizos no centro que lles cederá a Xunta en Lugo


Lugo, 9 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe nos actos de celebración do 30 aniversario da entidade Alume Saúde Mental, que preside Manuel Fernández Prado.

Arias gabou “o gran labor que realizaron durante todo este tempo promovendo a  recuperación e inclusión sociolaboral das persoas con problemas de saúde mental, mellorando a calidade de vida non só dos usuarios senón tamén das súas familias”. Subliñou tamén a súa aposta por seguir ampliando servizos nas instalacións que lles cederá a Xunta en Lugo.

Neste sentido, o delegado destacou que o futuro centro de atención integral á saúde mental supón “un paso máis” na colaboración da Xunta con Alume, e “un salto cualitativo” na prestación de servizos sociosanitarios neste eido na cidade. A Consellería de Política Social e Igualdade investirá 3,6 millóns de euros en reformar por completo o antigo edificio de Aspnais na rampa de Claudio López para adaptalo a este novo fin.