Nova

A Xunta destaca que a nova sede da asociación 'Por Eles Tea' permitirá ofrecer unha mellor atención personalizada aos usuarios e ás familias

A directora xeral de Persoas con Discapacidade sinalou que o Executivo galego mantén unha estreita colaboración co tecido asociativo para chegar a máis familias


Ourense, 9 de outubro de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiron á inauguración da nova sede da Asociación Por eles Tea. Trátase dun novo espazo que permitirá dar servizo a máis familias da contorna e mellorar a súa atención, nunhas instalacións con novas posibilidades para desenvolver diferentes actividades cos cativos.

Nesta liña, Begoña Abeijón puxo en valor a traxectoria desta entidade que nos últimos sete anos amosou a súa dedicación e esforzo a mellorar a calidade de vida dos nenos e nenas con Trastorno do Espectro Autista (Tea) e ofrecer as súas familias apoio, asesoramento e acompañamento.

A directora xeral lembrou que a Xunta de Galicia mantén unha intensa colaboración co tecido asociativo para seguir impulsando proxectos que permitan mellorar o día a día das persoas con Trastorno do Espectro Autista. Deste xeito, agradeceu o importante traballo desta asociación e trasladoulles o compromiso do Executivo galego para seguir potenciando este tipo de iniciativas útiles e eficaces neste eido, algo que se manifesta nos últimos anos a través da creación de novas unidades de atención temperá e a posta en marcha de prazas públicas en centros de día e residenciais.