Nova

A Xunta comprométese a seguir impulsando unha atención de calidade ás persoas con parálise cerebral

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, sinalou que o Goberno galego pon a súa disposición recursos específicos desde a súa infancia ata que se fan maiores


Sada (A Coruña), 8 de outubro de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, trasladou o compromiso da Xunta de seguir impulsando iniciativas que garantan unha atención de calidade e personalizada ás persoas con discapacidade. Así o sinalou durante o acto de Aspace con motivo do Día Mundial da Parálise cerebral.

Begoña Abeijón destacou que a Xunta traballa man a man do tecido asociativo para que as persoas con parálise cerebral teñan a súa disposición todos os recursos que precisan desde a infancia ata que se fan maiores. Así, fixo fincapé no incremento de unidades de atención temperá, ata acadar nestes momentos o número máis alto da historia. Nesta liña, sinalou que tamén e fundamental apostar pola educación inclusiva, pola promoción do seu acceso ao emprego e con alternativas de ocio adaptadas.

A directora xeral tamén lembrou o reforzo que está levando a cabo o Goberno galego no sistema de coidados especializados, que conta cunha ampla rede de prazas públicas de centros de día e residenciais. A isto, súmanse as prestacións económicas para as persoas con dependencia e discapacidade, así como a axilización das valoracións a través do novo plan impulsado polo Goberno galego.

Ademais, Begoña Abeijón puxo en valor o traballo que realizan cada día as entidades sociais, como Aspace, no acompañamento as persoas con discapacidade, algo que é fundamental para dar visibilidade as súas situacións e seguir conquistando dereitos.