Nova

A Xunta enxalza os 60 anos de traxectoria de Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol na atención ás persoas máis vulnerables

O director xeral de Inclusión Social destacou que a colaboración entre a Administración e as entidades sociais é fundamental para chegar e actuar en todo o territorio


Ferrol, 8 de outubro de 2025

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participaron no acto de celebración do 60 aniversario de Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol. Ambos trasladaron os parabéns de todo o Executivo galego e coincidiron en sinalar a longa traxectoria desta entidade na atención ás persoas máis vulnerables.

Arturo Parrado fixo fincapé na estreita colaboración entre a Administración autonómica e as entidades sociais como Cáritas, cuxo papel é fundamental para chegar e actuar en todo o territorio e ás persoas que máis o precisan. A través destas organizacións técese por toda Galicia unha rede de apoio imprescindible que ademais de apoiar á sociedade fai de nexo de unión co Goberno galego, trasladando as oportunidades de cambio e melloras necesarias para seguir impulsando políticas públicas.

Nos dous últimos anos esta entidade recibiu máis de 720.000 euros de achegas procedentes da convocatoria do IRPF e doutras impulsadas polo Executivo autonómico, co obxectivo de realizar programas de inclusión social e inserción laboral das persoas en situación de vulnerabilidade.