Nova
Belén do Campo asiste á entrega do título de Filla Adoptiva da Coruña a Rosa Otero Graña
A Coruña, 6 de outubro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, asistiu hoxe á cerimonia institucional de entrega do título de Filla Adoptiva da Cidade da Coruña a Rosa Otero Raña, celebrada no Concello herculino.
No acto púxose en valor a traxectoria vital e profesional de Rosa Otero Raña, que dedicou toda a súa vida a axudar aos demais e a contribuír ao desenvolvemento social e comunitario da cidade. A súa entrega e compromiso coa cidadanía coruñesa fixérona merecedora dun recoñecemento que simboliza o agarimo e a gratitude de toda a cidade.
A delegada da Xunta subliñou que o nomeamento representa un “xusto e necesario agradecemento” a unha muller que, con xenerosidade e dedicación, deixou unha pegada fonda na vida social da Coruña.
A cerimonia contou coa presenza de representantes institucionais, familiares e amigos da homenaxeada, que quixeron acompañala nun día cheo de emoción e recoñecemento público.
Rosa Otero é Presidenta tanto do Consello Galego de Consumidores e Usuarios como da Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Brétema. Ademais, acumula ademais máis de dúas décadas como presidenta da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña, a maiores de ser fundadora de Axuda e Atención ao Preso e loitadora incansable contra a droga desde a Asociación Antonio Noche. Desde hoxe, é a primeira muller na historia da Coruña que recibe esta distinción.