Nova
Fabiola García destaca que o Foro RIES 2025 sitúa a Galicia no epicentro dos retos da transformación sociosanitaria
A conselleira de Política Social e Igualdade reuniuse co comité organizador deste foro internacional, que se celebrará na Illa da Toxa e no que se darán cita os principais axentes do sector
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co comité organizador da décima edición do Fórum RIES 2025, considerado como o congreso internacional de referencia no relativo aos grandes retos do sistema sociosanitario. Esta cita, que se celebrará no Grove os vindeiros días 15 e 16 de outubro, é organizada polo Clúster de Saúde de Galicia e conta coa colaboración da Xunta de Galicia.
Na reunión, a conselleira estivo acompañada do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo; da presidenta do Clúster de Saúde de Galicia, Rocío Mosquera, e de Luís Barros, Lorena Iglesias, Roberto González, María Belén Iglesias, membros do comité organizador do foro, no que se darán cita os principais axentes do sector sanitario e sociosanitario. Na edición de 2025, o congreso celebrarase baixo o lema Impulsando o futuro da saúde global desde Galicia e centrarase en catro áreas clave: a medicina personalizada e de vangarda, a biomedicina, a lonxevidade e a saúde circular.